O momento dos cambios é agora: mobilicémonos para facelos realidade
O relevo no Goberno español provocou un aparente cambio de cenario a nivel político e social. A fartura social diante das políticas antisociais, antiobreiras, e podemos engadir rotundamente que antigalegas, do goberno de Mariano Raxoi, provocou tamén que a nivel social se xerasen expectativas de cambio. No entanto, para alén do aparencial, dos xestos e da retórica, estes primeiros días de andaina do novo executivo español dan síntomas claros de que non se vai producir a ansiada mudanza nas políticas, que non há vontade de aplicar un cambio de rumbo que reverta a ofensiva brutal de recortes. Aliás, o PSOE que foi tamén activo copartícipe de reformas como a do artigo 135 da Constitución Española, xa deixou patente o seu compromiso de atender submisamente os ditados da Unión Europea, o que se traducirá no mantemento das políticas de “austeridade” que son causa directa da precariedade, o desemprego, o empobrecemento e tamén do desmantelamento continuado dos servizos públicos.
A moción de censura anticipouse á Folga Xeral impulsada para o 19 de xuño pola Confederación Intersindical Galega. Unha medida audaz, valente e comprometida do sindicalismo nacionalista que volveu deixar en evidencia, máis unha vez, a complicidade do sindicalismo estatal de concertación coas políticas de dereita. Diante da nova situación aberta, e malia non podermos confiar en absoluto nas intencións do novo goberno de Pedro Sánchez, é evidente que as condicións necesarias para efectivizar a Folga Xeral e o seu suceso víronse comprometidas. De aí o acerto da CIG en suspender, provisionalmente, a convocatoria de greve, mais mantendo o compromiso firme de a levar a termo de non se materializar no inmediato medidas concretas e efectivas que revertan os recortes e as políticas regresivas aplicadas nos últimos anos.
Até o momento o único que ten mudado na política española é o ocupante do Palacio da Moncloa. Máis nada. Os motivos e causas que xustificaban e facían imprescindíbel a convocatoria de folga xeral galega, fican plenamente vixentes. A emerxencia social, laboral e produtiva que padece a nosa nación inda non se resolveu. E os primeiros acenos realizados polo novo Goberno español confirman o temor de que en Madrid houbo alternancia no poder, mais non mudanza política. Neste sentido xulgamos moi clarificador que o mesmo PSOE que prometía a derrogación da reforma laboral, agora xa no poder se limite a anunciar algunhas modificacións puntuais. O mesmo sucede coa reforma da negociación colectiva, coa das pensións, ou con medidas reaccionarias como a Lei Mordaza ou a última reforma do Código Penal.
Emporiso, apelamos ao povo traballador galego a se mobilizar e a intensificar a loita nas empresas e nos centros de traballo, como único camiño para empurrar cambios reais. Só a través da continuada presión, social, política e institucional, exercendo toda a nosa forza como povo seremos capaces de torcer o pulso tanto do Goberno español como da Xunta de Galiza para posibilitar un xiro radical nas políticas, en favor da maioría social que representamos as clases populares e traballadoras.
Desde a plena consciencia de que os nosos problemas como País teñen raíces estruturais, no marco de forzosa dependencia que nos impón o Estado español e que agrava a Unión Europea, faise preciso que a loita social se oriente tamén sob unha perspectiva nacional, co obxectivo de robustecer a nosa autoorganización, alargar o nivel de conciencia social e nacional e, desta maneira, avanzarmos con rumo da independencia nacional que nos permita construír unha sociedade galega radicalmente democrática, igualitaria e socialmente xusta nunha Galiza soberana libre de toda forma de explotación.
Nese camiño, chamamos expresamente a secundar masivamente a Xornada Nacional de Mobilizacións convocada pola CIG para este 19 de xuño, participando das manifestacións comarcais. Cómpre enviarmos unha mensaxe clara e firme ao novo Goberno español de que non haberá tempos de cortesía, de que é hora de recuperarmos os nosos dereitos.
La entrada 19 de xuño: Xornada Nacional de Mobilizacións se publicó primero en UPG.
Data
Title: 19 de xuño: Xornada Nacional de MobilizaciónsLink: http://upg.gal/19-xuno-xornada-nacional-mobilizacions/
Source: UPG
Organization: UPG
Date: June 15, 2018 at 02:00PM
Actions
Translate original to: En | Es | Fr | De | Pt | Gr | Ca | +Share original with: Twitter | Facebook | Google +
Labels: Galicia, Unión do Povo Galego