O proceso soberanista en pleno desenvolvemento na Catalunya, para alén de representar un espazo de oportunidade maiúsculo para a conquista polo povo catalán da súa plena soberanía nacional, está a verificar as teses e análises que o nacionalismO galego no seu conxunto, e a Unión do Povo Galego en particular, temos realizado a respeito do carácter irreformábel do Estado español e do esgotamento do modelo autónomico vixente.
A resposta por parte dos poderes do Estado, articulados como nunca antes, diante da convocatoria do referendo de autodeterminación que se realizará o próximo 1 de outubro, visa que o reclamo soberanista das diferentes nacións representa o maior desafío ao deseño político da chamada Transición española. Faise incontestábel hoxe, pola determinación do Estado en impediren que os e as catalás decidan democraticamente o seu futuro, que é a loita pola soberanía nacional dos povos forzosamente integrados na España unitaria do posfranquismo, o único proceso real e efectivo de ruptura. Unha ruptura democrática que o españolismo, coa activa anuencia de sectores da esquerda como o PCE, logrou inviabilizar após a morte do ditador Francisco Franco. Os mesmos sectores que pactaron aquela Transición fraudulenta, e que en nome da “reconciliación” acabaron por legalizar e dar verniz democrático a sectores do franquismo, agora volven colocarse en fronte da lexítima aspiración dun ampla maioría social que quer exercer o seu dereito a decidir por si propia.
Cinismo da esquerda española
Os argumentos pretensamente legalistas de quen, expresando unha cínica ambigüidade, afirma recoñecer o dereito a autodeterminación dos povos, para acabar, máis unha vez, partillando a tese do unionismo españolista, deixan tamén ás claras a falsificación política de quen defendendo a ‘ruptura’, na realidade só procura a reforma. Unha reforma que non cuestiona o réxime político do 1978, construído ao servizo da oligarquía española e do Imperialismo (OTAN, UE…), senón apenas aggiornalo e reacomodalo.
É claro que o procés soberanista en Catalunya proxecta incertezas e que o seu desenvolvemento non está exento de contradicións. No entanto, considerar estes elementos desde unha chave histórica e dialéctica, comprendendo que ningún proceso sociopolítico –e menos aqueles cunha vocación transformadora– se axustan a un guión predefinido, non pode obviar que arestora o soberanismo catalán empurra un proceso democrático que, sen timoratismo, aposta de maneira decidida pola autodeterminación con rumo á independencia. Un proceso que ten o seu suxeito en amplos sectores das clases populares e traballadoras, e coa anuencia de sectores intermedios que acabaron por comprender, pola forza dos feitos, a inviabilidade dun proxecto nacional dentro das costuras da España unitaria. E que se desenvolve sen ambaxes en chave de desobediencia e insubmisión, facendo prevalecer os dereitos democráticos, individuais e colectivos, como vectores dun proceso xenuinamente constituínte.
A farsa democrática tira a carauta
O goberno español, contrariamente á “prudencia e proporcionalidade” prometidas, ten iniciado unha vaga represiva cada vez máis aguda e intensa, impoñendo unha situación de excepción de carácter antidemocrático e con acenos a cada vez máis autoritarios e neofascistas. A intervención policial de imprentas e medios de comunicación, o acoso policial a activistas, organizacións políticas e movementos sociais, e a utilización sen disimulo do poder xudicial en contra da institucionalidade democrática catalá, alerta de até que punto o Estado está disposto a impoñer, de maneira violenta, a continuidade do seu réxime político por acima da vontade democrática dos povos.
Solidariedade internacionalista
Neste sentido, é indispensábel reforzar e intensificar tamén a nosa solidariedade internacionalista. En primeiro lugar, porque esa ofensiva antidemocrática non se vai cinxir a Catalunya e vai ter efectos no conxunto do Estado, e singularmente naqueles territorios, como Euskal Herria e Galiza, que contan con importantes movementos soberanistas. Mais tamén porque a loita que hoxe se libra na Catalunya é tamén a nosa: a de conquistar o noso dereito a decidir para construirmos unha patria soberana de noso.
Neste momento histórico, que con certeza xa está a modificar o marco político estatal, os e as nacionalistas debemos reaxer, individual e colectivamente, diante da ofensiva antidemocrática do españolismo, non só defendendo o dereito do povo catalán a se autodeterminar senón, sobre todo, afirmando a nosa determinación para avanzar na conquista da soberanía para construírmos a República da Galiza, a través da que o povo traballador galego exerzamos o poder que hoxe nos furta a oligarquía española.
Brindemos, pois, o noso apoio decidido ao referendo do 1 de outubro e ás forzas soberanistas que alentan a construción da República catalá.
Visca Catalunya lliure!
Galiza ceibe, poder popular!
La entrada Galiza con Catalunya, a súa é tamén a nosa loita se publicó primero en UPG.
Data
Title: Galiza con Catalunya, a súa é tamén a nosa loitaLink: http://ift.tt/2fnkPEg
Source: UPG
Organization: UPG
Date: September 15, 2017 at 01:19PM
Actions
Translate original to: En | Es | Fr | De | Pt | Gr | Ca | +Share original with: Twitter | Facebook | Google +
Labels: Galicia, Unión do Povo Galego